Saturday 18 de May de 2024

Reciclados na Pobra un total de 7115 quilogramos de aceite doméstico no 2021


A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), atópase facendo balance do resultado das iniciativas focalizadas na reciclaxe que se desenvolveron no pasado exercicio. En canto ao aceite doméstico, depositáronse 7115 quilogramos nos colectores habilitados en distintos puntos do termo municipal (15 na vía pública e 1 situado na praza de abastos, ademais do punto limpo do polígono da Tomada), cuxo destino final é o aproveitamento para a produción de biocarburante.

Máis polo miúdo, no aparcadoiro do recheo recolléronse 1300 quilogramos; na zona verde da rúa Barrantes, da urbanización O Lagar, 960; na rúa do Curraliño, na esquina da casa da cultura Raquel Fernández Soler, 740; no lugar de Caíños, fronte ó bar O Campiño, 610; no lugar da Covecha, fronte ás pistas de tenis, 610; no lugar da Virxe do Monte, xunto á capela, 440; no lugar da Costa, fronte á panadaría O Forno do Maño, 420; na rúa Venecia, xunto á pista deportiva, 380; na zona verde da rúa Lamas e Andrés, 330; na rúa de Venecia, nas proximidades do paseo dos Areos, 290; na Ribeiriña, xunto á marquesiña do bus, 285; na explanada da Pedreira, no Camiño Ancho, 230; no parque do Castelo, fronte ó bar O Facho, 170; na estrada de Lesón, xunto ós contedores amarelo e azul, 150; e na rúa da Angustia, xunto a Muebles Lijó, 150. Doutra banda, 29’6 quilogramos correspóndense coa praza de abastos e 20 co punto limpo, servizo onde tamén se dá entrada a este tipo de residuos.

A cifra total supón un incremento de 298 quilogramos na recollida de aceite doméstico respecto de 2020, ademais de evitar no 2021 a contaminación de arredor de 7.826.500 litros de auga por non desfacerse do referido residuo polos sumidoiros.

Dende a Área do Medio Ambiente anímase á veciñanza a continuar implicándose no coidado do entorno e lémbrase que o depósito de aceite debe realizarse en recipientes de plástico para evitar que se produzan verteduras.